xoves, 4 de abril de 2024

Novo trimeste e nova misión!

Chegou a primavera e nestes meses tan chuviosos non puiden deixar de pensar nesta nova misión, xa que con este ODS tocará “mollarse”. É a quenda de traballar sobre o ODS 6: AUGA LIMPA E SANEAMENTO.


Déixovos no blog, coma sempre, uns vídeos para romper o xeo e que poidan fluír as ideas sobre este ODS, ainda que de seguro sabedes máis do que pensades.




Seguide a recoller toda a información nos cartafoles das misións ODS e facédemos chegar a través da caixa de correo da Biblioteca. Ao final do trimestre organizaremos unha feira ecosostible na que teredes que explicar os vosos proxectos á nosa comunidade, así que é moi importante que vaiades recollendo os indicios do voso traballo.

RECORDA: Ti formas parte do cambio. Pásate á acción!

Pequenos xestos poden contribuír a lograr un mundo mellor.

#esPazODS_para_a_concienciACCIÓN

venres, 22 de marzo de 2024

E xa sabemos quen gañou o I Concurso de inventos!

Premio! Premio! Xa temos gañadores do I Concurso de Inventos que organizaron as peques do equipo das ESTRELAS FUGACES!!!

Aroa, de 5ºE.I.

co seu coche autopropulsado, e

Emma e Enzo de 4ºE.P.

co seu barco-quenlla a motor.


Parabéns aos premiados!

Que conste que unha das normas da votación era "Non podes votar polo teu invento"Aínda así houbo un dobre empate entre o coche autopropulsado de Aroa e o barco-quenlla a motor de Emma e Enzo. Polo que o premio foi dobre: un trofeo super-molón con engranaxes feito na nosa impresora 3D.
E para que vexades que non houbo nin trampa nin cartón, velaiquí tedes os resultados de tan difícil votación. 


Aquí nos podedes ver testeando os trebellos presentados neste I Concurso de Inventos e damos fe de que todos funcionaban correctamente! Sodes unhas enxeñeiras e enxeñeiros de primeira!


O equipo das estrelas fugaces preparou tamén os diplomas de participación para todas as compañeiras e compañeiros que presentaron os seus inventos ao concurso. Como vedes, tomámolo moi en serio!


Encantounos esta actividade porque incentivounos moito na procura de solucións aos problemas de deseño que tiñan as nosas máquinas e fomos quen de lograr melloralas. Bravo por todas e todos nós!

Ioga na escola (II), coas nosas familias

Este mes, a piques de sair de vacacións do 2º trimestre, abrimos as nosas portas ás familias que puideron achegarse ata a escola para compartir con nós a sesión de ioga con Lali, unha actividade enmarcada dentro da liña dos Contrato-Programa edu-saúde.

Sabemos que por cuestións de traballo moitas das que queríades compartir cos vosos fillos e fillas esta sesión é imposible, mais temos que axustar estas actividades dentro do horario escolar.

Sen máis deixámosvos con algunhas fotos das sesión de hoxe e se queredes ver toooodas as fotos, preme na primeira das imaxes.


Cos peques de Pazos:



Cos rebuldeir@s:



Cos tritóns:



E cos de Q.S.U:





Xa estamos desexando que volvas, Lali!
Namasté

Ler con... D: Emma e Leo contan "El lazo invisible"

Aínda coa resaca do día anterior e nunha biblioteca un pouco menos ordenada que de costume, Emma e Leo quixeron contarnos, antes de irnos de vacacións de Semana Santa, unha fermosa historia que fala dos lazos que nos unen a quen queremos, un libro que eles mesmos escolleron entre os das súas bibliotecas persoais. E que as mellores historias sempre son as que nos moven algo por dentro, verdade?

Preme nesta imaxe para acceder ao álbum.

Desta vez, o conto escollido foi
"El lazo invisible", escrito por Patrice Karst e ilustrado por Joanne Lew- Vriethoff, da editorial Astronave, un delicado álbum ilustrado que conecta co máis íntimo de cada un de nós.



Xa vedes, que non perdíamos detalle da historia...



E se queres recordar esta fermosa historia sobre o poder do amor e a conexión entre as persoas que queremos, sen importar o tempo nin a distancia, aquí tedes de novo o conto en formato vídeo.



Moitas grazas pola contada, rapaces!!!

xoves, 21 de marzo de 2024

Somos o CEIP de Pazos, Mestre García Niebla

Fermosa xornada a deste xoves na que celebramos o Día da Árbore, o Día da Poesía e honramos o nome de García Niebla.


Se premes nesta fotografía accedes ao álbum completo deste día.

Iniciamos o día na Biblioteca, onde falamos da vida deste mestre excepcional que dá nome ao noso cole, a través da exposición que fomos compoñendo coas ilustracións de todas e todos e a información tirada do libro de Guillermo Llorca “Juan García Niebla: Entre a innovación pedagóxica e o compromiso social”.


E rematamos na Biblio coa lectura dun poema inédito cedido por Antón Cortizas Amado para a ocasión: “A maceira e o can de Newton” co que puidemos rir imaxinando a escea ; )

Despois, a media mañá, plantamos a “Maceira de García Niebla”, coa axuda en primeiro lugar das mans de Xaime e Manu, quen fixeron un gran furado para que despois a tarefa nos resultase máis doada, moitas grazas aos dous, ademais eramos moitos a plantar e, coa axuda de todas e todos, acabamos nun retrinco. Seguro que en pouco tempo poderemos recoller as primeiras e riquísimas mazás príncipe, mmmmm...



Ao rematar colocamos o cartel co seu nome e lemos unha selección de poemas que, novamente, nos facilitou Antón, xeneroso, coma sempre, co seu tempo e as súas rimadas verbas.


Con el fixemos a continuación uns obradoiros na Biblioteca, no laboratorio e na sala de audiovisuais: 
Por un lado, confeccionamos un libriño con cantareas, adiviñas e poemas relacionados coas árbores, que máis adiante rematarán con ilustracións das follas de cada unha das que aparecen nas súas páxinas. 


Por último, fabricamos un brinquedo con bugallos, unha “curuxa”. Queredes saber de que vai isto? Despois de furar e baleirar un bugallo podemos soprar nel coma que sopra nunha frauta traveseira e conséguese así o máxico e doce son dunha curuxa. 
Antón Cortizas ten recollido este brinquedo no seu “Tastarabás”. Se tedes oportunidade, podedes botar mil vistazos a este libro e nunca vos cansaredes. Descubriredes novas enredos de cada vez para xogar con elementos que nos brinda a natureza. Grazas, Antón por regalarnos tanto!



Pola tarde tivemos unha sesión especial xunto a persoas moi queridasque se achegaron ata a nosa Biblioteca para escoitar a Guillermo Llorca –grazas a todas-, quen nos agasallou cunha sentida e emotiva charla sobre a figura do mestre Juan García Niebla. 
Estas semanas pasadas estivemos traballando sobre el nas clases, e os libros deste historiador e profesor foron unha fonte indispensable para coñecer a súa vida de compromiso e a súa excepcional obra coma docente. 


Agradecemos a Llorca ternos transportado a ese pasado non tan lonxano. Para o noso centro é un orgullo completar co nome deste mestre o do noso colexio, porque compartimos aqueles ideais que defendeu hai xa máis de cen anos e porque é unha forma de manter viva a súa memoria, a súa historia e o seu bon facer.



“Hai que recuperar, manter e transmitir a memoria histórica, porque se empeza polo olvido e remátase na indiferencia”
José de Saramago

Somos o CEIP de Pazos-Mestre García Niebla!

De novo, o noso máis sinceiro agradecemento a Antón e a Guillermo polas súas colaboracións desinteresadas, á Asociación Muíño do Vento por facer posible  a segunda edición do libro de Llorca, "Juan García Niebla": Entre a innovación pedagóxica e o compromiso social", ás persoas que compartiron esa tarde con nós, e a todas as compañeiras e compañeiros que organizaron estes dous eventos, incluído un picoteo final case artístico, epicúreo, maiúsculo e..., seguro que a Antón se lle ocurriría algún esdrúxulo máis ;D !!

venres, 15 de marzo de 2024

Visita ao Monumento aos represaliados e arqueódromo no Centro Cultural Torrente Ballester

Hoxe, o alumnado de 5º e 6º de Primaria, realizou unha dobre visita, aproveitando que nos desprazábamos ao centro da cidade. 

A primeira hora, visitaron o monumento memorial ás vítimas do franquismo. Dentro do noso traballo de investigación sobre García Niebla, era unha visita indespensable. Alí está o seu nome e o de centos de persoas máis que entre 1936 e 1975, tal e como se indica na mesma base do monumento, foron vítimas mortais do réxime franquista, só na zona do Eume, Ortegal e Ferrolterra. 

Preme nesta fotografía se queres ver algunha imaxe máis.


Aproveiramos tamén para visitar o Centro Cultural Torrente Ballester, que alberga unha exposición que leva por título "Orixes II" sobre o Castro de Tralocastro, en Esmelle, na que Lucía fixo de guía de forma excepcional.






Posteriormente Lucía acompañounos ao "arqueódromo", onde puidemos sentirnos coma auténticos arqueólogas e arqueólogos descubrindo distintas pezas que por último datamos utilizando un catálogo para comprobar a que etapa pertencían: etapa castrexa, galaico romana, etc.








Foi unha experiencia moi interesante, ben estruturada e ben formulada. Gustounos un montón. E houbo quen xa se  apuntou a visitar a excavación real cando empece a segunda campaña este verán. 

E nesta última imaxe tedes acceso ao álbum coas imaxes da segunda parte da visita.


Grazas, Lucía por esta mañá tan interesante!